O restaurante A Mirandilla, de Rinlo, reabriu hoxe, venres, despois dunha importante renovación das súas instalacións. Ademais para o día 23 deste mes, xoves, preparan unha cea especial cun menú degustación, evento para o que contarán coa colaboración dos prestixiosos chefs Diego López, do restaurante La Molinera, de Lalín, que foi elixido mellor cociñeiro galego no Fórum Gastronómico do ano 2014, e Iván Domínguez, que é o director gastronómico do Grupo Alborada e conta cunha estrela Michelín. Estes dous chefs traballarán ese día en A Mirandilla xunto cun dos cociñeiros deste restaurante, David Rodríguez Moledo.
A renovación que foi estreada hoxe incluíu o cambio de todo o mobiliario dos comedores, nova decoración, mantelería e uniformes para o persoal, o que supuxo un investimento de máis de 9.000 euros. “Fíxose para darlle un novo aire aos comedores”, explicaron os responsables de A Mirandilla.
En canto á cea especial que están preparando para o día 23 deste mes, xoves, anunciaron que constará de oito pratos, os dous últimos postres, que serán elaborados a seis mans polos cociñeiros Diego López, Iván Domínguez e David Rodríguez Moledo. Para participar nese evento é necesario reservar previamente no propio restaurante A Mirandilla ou chamando ao seu teléfono, 982.123.100, e os interesados deben facelo o antes posible porque as prazas son limitadas.