O profesor ribadense afincado en Santiago de Compostela Carlos Álvarez Lebredo será o pregoeiro das festas patronais de Ribadeo deste ano.

O profesor ribadense afincado en Santiago de Compostela Carlos Álvarez Lebredo será o pregoeiro das festas patronais de Ribadeo deste ano. Así o anunciou hoxe a comisión organizadora dos festexos, que tamén deu a coñecer que o acto do pregón será o día 1 de setembro, sábado, ás 20: 30 horas no Teatro e actuará a Coral Polifónica de Ribadeo.

Carlos Álvarez Lebredo é fillo do músico Carlos Álvarez Fernández-Cid, de quen se celebra este ano o centenario do seu nacemento con varios actos na vila ribadense.

O pregoeiro das festas patronais de 2018 na honra de Santa María do Campo naceu en Ribadeo, reside en Santiago de Compostela e é profesor de Literatura Galega desde 1983. Leva publicados máis de 50 artigos de crítica literaria, outros tantos de temática musical e case 100 máis de temática ribadense. É colaborador habitual do semanario La Comarca del Eo e doutros medios. Escribiu tres libros:  Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez Fernández-Cid, en 2003; Música e Sociedade ribadense (1900-2000), en 2007; e Ribadeo. Dous pregóns de festas e unha invitación final, en 2004. Este último recolle o seu pregón da Xira de Santa Cruz de 1996 e o Pregón das Festas Patronais de 2004.

Ademais Carlos Álvarez Lebredo participou nas Xornadas Mar por Medio do ano 2000 en Ribadeo co relatorio titulado Anglicismos en galego; e interveu no curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela A Torre dos Morteno e a Arte do seu tempo, que tivo lugar en Ribadeo en 2011, coa conferencia titulada A música na sociedade ribadense a principios do século XX. Ao longo deste ano 2018 vai publicar media ducia de traballos centrados na figura de Carlos Álvarez Fernández-Cid.