O Pavillón da Veiga acollerá o III Torneo de Voleibol “Concello de Cervo” o 27 de maio.
A cita foi presentada no propio escenario da competición, no Pavillón da Veiga, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, e unha representación das tres categorías de voleibol que hai no seo das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Cervo: Infantil e xuvenil feminino, e xuvenil masculino.
Ao longo de toda a xornada xogaranse 12 partidos de xeito practicamente ininterrompido nas categorías infantil e xuvenil feminino, e xuvenil masculino.
No campionato participarán o EDM Cervo, o C.D. Aldebarán San Sadurniño, o C.V. Naron Volea e o C.V. Emeve Lugo.
Haberá trofeos e medallas para os participantes.
Unha das disciplinas que promoven as Escolas Deportivas Municipais do Concello de Cervo é o voleibol, que a día de hoxe conta con preto de 30 rapaces adestrando, nos tres equipos que se formaron.
Tal e como sinalaron Villares e Soto “a filosofía deste equipo de Goberno é promover a actividade deportiva no seu conxunto, e vemos que o voleibol, que de entrada pode parecer un deporte minoritario, está a gañar adeptos ano tras ano entre a xente moza, boa mostra diso é que este mesmo curso, froito da demanda existente, configuramos un novo equipo xuvenil masculino”.