Esta fin de semana segue o 8º Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia. O evento chega os días 22 e 23 de novembro a Trabada (Mesón Camiño Norte), Foz (O Lar) e Mondoñedo (casa rural A Penela).
O Mes da Maxia comezou o pasado 25 de outubro e rematará o 30 de novembro. No evento participan 17 establecementos hostaleiros: restaurantes, hoteis e casas de turismo rural de distintos concellos da Mariña Lucense e 4 Magos: Rafa, Teto, Kiko e Pi.
A Mancomunidade xunto cos locais participantes que ofrecen unha coidada oferta gastronómica baseada en produto local, galego e de tempada, agardan que o Mes da Maxia sexa un motivo para que os mariñáns saian cear e pasen unha noite completa e agradable, se dean desprazamentos entre concellos e que a xente de fóra da comarca decida pasar unha fin de semana de outono na Mariña e desfrutar deste territorio con este motivo.
Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense amósanse satisfeitos do discorrer desta cita, que está a reunir a moitos amantes da maxia e da boa gastronomía arredor dunha mesa cada fin de semana.
Os locais que acollen o Mes da Maxia son: A Marquesa, A Garita, Casa do Fidalgo, O Noso Lar, Hotel–Restaurante Javier Montero, Hotel Vila do Val, Mesón O Mazo de Ferreiravella, O Rincón do Mis, Area Grande, Parador de Turismo de Ribadeo, Mesón Camiño Norte, O Lar, Casa Rural A Penela, A Yenka, Hotel Val do Naseiro, Pousada O Almacén e Hotel O Cabazo.
Este venres, día 22, o Mes da Maxia chegará a Trabada. O Mesón Camiño Norte contará co Mago Rafa e O Lar, en Foz, gozará cos trucos do Mago Kiko. E o 23, o sábado, o Mago Teto actuará na casa rural A Penela, en Mondoñedo.
O 8º Mes da Maxia rematará a finais de mes. O día 29 de novembro en A Yenka, en Barreiros, estará o Mago Kiko; e no Hotel Val do Naseiro, en Viveiro, o Mago Rafa; e finalmente o 30 de novembro o Mago Pi levará a maxia a O Almacén, en Cervo; e o Mago Rafa ofrecerá unha actuación no Hotel Restaurante O Cabazo, de Ribadeo.
Na páxina web www.mesdamaxia.com atópanse o listado cos restaurantes participantes así coma os menús que se poderán degustar en cada un deles e os números de teléfono para facer as reservas. Os prezos dos menús máxicos, que inclúen as ceas e os espectáculos de maxia, oscilan entre os 25 e os 30 euros. As ceas máxicas comezan ás 21:30 horas e constan de dúas partes, unha con maxia de preto entre prato e prato (máximo 70 persoas) e o espectáculo final (mínimo 20 persoas) que comezará unha vez sexan servidos os cafés. Para menú infantil, vegano, vexetariano e outras opcións ante intolerancias e alerxias a xente pode consultar previa e directamente co establecemento. Recoméndase non deixar a reserva para última hora e facelo canto antes, xa que as prazas son limitadas.