Ata o 15 de novembro está aberta a inscrición para participar no Mercado do Nadal de Ribadeo, que se celebrará do 1 ao 10 de decembro na contorna da praza de abastos.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “desde o Concello xa estamos a organizar todas as actividades entorno ao Nadal e empezamos por este Mercado tradicional. Terá lugar do 1 ao 10 de decembro e este mítico e singular Mercado do Nadal preséntase como un espazo de cheo de oportunidades para todos os profesionais da artesanía, do deseño e da gastronomía. Vai funcionar como unha plataforma onde se visualiza perfectamente o traballo de cada profesional e o talento creativo”.
O rexedor subliñou que “como novidades este ano no Mercado do Nadal incrementamos os días de duración, collemos dúas fins de semana, que iso realmente é importante á hora das vendas, e tamén incrementamos o número de casetas. Isto significa potenciar a economía da vila, a tradición, a artesanía, o traballo e o talento de cada profesional participante. E estamos promocionando o produto de proximidade”.
Vega explicou que “o Mercado do Nadal estará instalado na contorna da Praza de Abastos. E o prazo de inscrición xa está aberto. Ata o 15 de novembro se poden presentar as solicitudes. Pódese facer de dúas maneiras ou por sede electrónica ou de xeito presencial a través do rexistro do Concello. As bases xa se poden consultar na páxina web do propio Concello, aí está toda a información”.
Para o alcalde ribadense “sen lugar a dúbidas o Mercado tradicional do Nadal en Ribadeo estámolo potenciando e queremos que haxa unha longa vida para un mercado que fala moi ben do pobo, que queremos potenciar a economía local e seguir trazando todos unha estratexia para impulsar Ribadeo”.