O Iberia Club de Fútbol homenaxeará ao futbolista Marcos, que se retira despois de xogar durante máis de 40 anos nese equipo. Será cun evento que se celebrará o día 30 de xuño, domingo, no Campo das Valgas, de San Miguel de Reinante, desde as 12:00 horas. Haberá partido de fútbol entre o Iberia FC e un combinado de ex xogadores do club e despois, ás 14:30 horas, xantar homenaxe.
“Temos o orgullo de anunciarvos o derradeiro evento da tempada. E este non podía ser outro que a merecida homenaxe ao noso gran capitán e a súa inigualable traxectoria. O título de One man one club quédase moi curto para o que representa Marcos Rodríguez Rañón para o noso club. Por iso non podíamos menos que, humildemente, tentar de facer unha despedida minimamente digna e á altura do que el leva dado no campo polo noso escudo. Así que agardámosvos a todos e todas o vindeiro 30 de xuño nas Valgas. Uns para xogar, outros para aplaudir; para simplemente estar ou cadaquén para ser partícipes como mellor consideredes dun dos partidos, aínda sen puntos nin títulos en xogo, máis importantes da nosa xa longa historia. Un partido que disputará o noso equipo contra un combinado de ex xogadores, todos ex compañeiros de Marcos no Iberia, algúns xa confirmados outros aínda por falar porque a actividade do club destes días aínda non nos permitiu falar con eles e outros que agardemos que se apunten ao ver este anuncio porque por suposto está aberto á participación de todos os seus ex compañeiros que , como imaxinades, son uns poucos.... E ese combinado estará dirixido tamén por varios ex adestradores seus. Un equipo técnico liderado, iso si, por Arturo Otero, adestrador moitos anos no noso club e a persoa que naquel ano 1987 e tendo Marcos 16 anos lle fixo debutar no primeiro equipo”, anuncia o Iberia CF.
A organización engade que “tralo partido haberá un xantar homenaxe no campo de adestramento para rememorar todos os grandes momentos vividos e unha traxectoria para enmarcar. Grazas por todo, eterno capitán, agardamos que che guste o que con tanto cariño che preparamos e que estea minimamente á altura do que nos deches e mereces”.