A ría de Foz acollerá este sábado, 26 de agosto, a celebración do primeiro Open Quedada de Pesca Deportiva en embarcación na modalidade de curricán. O Concello colabora na organización deste evento organizado pola asociación A Ribeira. O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, salienta que “a pesca ao curricán é algo típico desta comarca”.
O rexedor municipal anuncia que “este fin de semana celébrase o primeiro torneo de pesca deportiva ao curricán, organizado pola asociación A Ribeira. É unha alternativa máis deportiva e de ocio que hai no noso concello, que non existía a día de hoxe e hai que felicitar aos organizadores e ao seu presidente, Alberto Burundarena, porque no escaso tempo que levan funcionando son moitas as actividades nas que están a traballar arredor da pesca deportiva e recreativa”.
Javier Castiñeira subliña que “é unha iniciativa moi interesante e con moita participación. Desexarlles que teñan o máximo éxito posible, pero coa boa organización ao final normalmente asegúranse un bos resultados. Vai ser unha fin de semana chea de embarcacións na nosa ría pescando ao curricán, que é algo típico desta comarca”.
O alcalde manifesta que “o Concello debe estar aí sempre para todas estas actuacións, para complementar esa colaboración e axudar no financiamento. Por suposto hai o máximo compromiso e apoio dende o Concello a todas estas actividades vinculadas ao ámbito deportivo, pero tamén á tradición que, sen dúbida, ten a pesca do curricán no noso concello”.
O presidente da asociación A Ribeira, Alberto Burundarena, explicou que “o sábado 26 de agosto, se as condicións climatolóxicas son favorables, a partires das 07:30 horas sairán escalonadamente dos portos focenses 33 embarcacións, que se apuntaron nesta quedada para gozar dunha mañá de pesca deportiva, na modalidade de curricán, pola costa mariñá. O obxectivo deste evento é fomentar a náutica e a pesca deportiva no noso pobo e na Mariña; para elo sairemos a pescar como calquera outro día, sen máis normas que as que xa temos actualmente os pescadores deportivos. A diferenza será que en vez de irnos para a casa despois de chegar do mar xuntarémonos tódolos participantes as 13:30 horas na lonxa da confraría e alí amosaremos e expoñeremos ó publico algúns dos peixes que se poden pescar deportivamente na Mariña lucense e a xente poderá preguntar e ver de forma activa como é a pesca deportiva dende unha embarcación. Máis tarde, ás 14:00 horas na praza Conde de Fontao, coa colaboración do Concello de Foz; Deputación de Lugo; Centro Comercial Aberto de Foz; Castillo Pesca, de Ribadeo; e Kukadas Pesca, de Foz, repartiremos múltiples regalos e premios ós participantes no evento, con mencións destacadas como a muller pesquina ou o premio Lobo de mar, ó patrón de embarcación mais veterano da xornada”.
Alberto Burundarena rematou comentando: “animamos ó publico en xeral a que se acerque ó peirao de Foz este sábado para ver algo diferente e poder saber algo máis sobre a náutica e a pesca deportiva, un deporte para o que non conta o sexo nin a idade e no que a recompensa máis grande é gozar do mar que nos rodea e tamén coñecer e respectar a natureza que este esconde”.