O grupo teatral A Adala, de Fazouro, representará a obra titulada Marina Club en Alfoz este sábado, día 23 de novembro. Será ás 20:00 horas na Casa da Cultura.
O Concello de Alfoz explica que “esta semana estaba programada a actuación do Grupo de Teatro Ardora, de Cervo, coa súa obra "Aire fresco", pero por problemas do persoal do grupo a actuación tivo que ser aprazada a outro momento. No seu lugar teremos o pracer de ter ós máis veteranos do grupo A Adala, de Fazouro, coa súa nova obra "Marina Club". Unha comedia para todos os públicos que xira entorno a un club de alterne no que a amizade entre clientela e persoal salvan a unha rapaza cunha mentira piadosa. Na trama mestúranse enganos que ocultan unha crúa realidade, amizades que salvan, mulleres que descobren a Marx, unha monxa e un negocio que dá un xiro inesperado. Aínda que a obra poida ter un transfondo de crítica social, predomina o sentido do humor, centrándose nos aspectos máis positivos dunha realidade nada doada”.