O grupo Metátese Teatro, de Palas de Rei, presentará este domingo, 4 de novembro, en Xove, a obra O Euromillón. A actuación terá lugar no Centro Cívico, ás 19:00 horas, e está incluída no programa Buxiganga, organizado pola Deputación de Lugo coa colaboración do Concello. A entrada é gratuíta.
Trátase dunha comedia para todos os públicos que aborda o complexo mundo dos programas de televisión desde a perspectiva teatral, e que busca facer reflexionar ao espectador sobre os valores da sociedade do século XXI.
O grupo Metátese xurdiu en 1992 coa pretensión de achegar o teatro contemporáneo a todos os públicos, bebendo das correntes máis vangardistas, para interactuar co público e captar o espírito da sociedade actual desde unha perspectiva crítica.