O Concello acaba de sinalizar a Senda Costeira de Xove, unha ruta costeira de máis de 18 km., que comeza na Área Etnográfica de Morás e remata no acceso á Praia de Portonovo.
A ruta, que transcorre por antigos sendeiros de pescadores de ribeira moi preto do mar, comparte algúns tramos coa Ruta dos Camiños Naturais do Cantábrico. Trátase dun circuíto lineal, podendo ser percorrida nos dous sentidos. Tanto no punto inicial coma no final colocáronse paneis informativos que conteñen información acerca dos diferentes puntos de interese, ademais de códigos QR para descargar a ruta mediante a aplicación Wikiloc a través dos dispositivos móbiles.
Toda a senda está perfectamente sinalizada; nas partes que comparte co Camiño Natural do Cantábrico, na que transita pola estrada con asfalto (Portocelo, Ceranzos), e nos novos sendeiros que foron habilitados polo Concello de Xove, co permiso dos correspondentes propietarios das fincas polas cales transcurre.
A variedade paisaxística da ruta é moi destacable, pois pasa por grandes acantilados (Cantís de papel), preto de illas (Illa de Sarón, Illa da Cal), por castro prerromanos (Castro do Coto da Vela, Área arqueolóxica de San Tirso), por miradoiros (Miradoiro de Nacente, Miradoiro de Poñente), preto do faro Roncadoiro, ou Roncadoira, praias coma a do Portiño de Morás, a praia de Portocelo, Muiñelo e Praia de Esteiro), e as enseadas e coídos (enseada de Sucastro, enseada de Coído e a enseada de Muiñelo).