O Concello de Xove convoca o X Concurso de Fotografía Medioambiental. O prazo de presentación está aberto ata o 6 de setembro

O Concello de Xove, a través da Concellería de Medio Ambiente, convoca o X Concurso de Fotografía Medioambiental “Xove, a súa costa e o seu mar”. O obxectivo deste concurso é potenciar a participación cidadá na protección da paisaxe e o medio ambiente. Haberá unha única categoría, cos seguinte premios: primeiro, 120 euros; segundo, 100 euros; terceiro, 90 euros; cuarto, 75 euros; e quinto, 65 euros.

A temática do concurso é “Xove, a súa costa e o seu mar”. As imaxes deberán ser realizadas polos propios participantes. En ningún caso se aceptarán imaxes copiadas ou realizadas por persoas distintas das participantes. Cada participante asinará unha declaración responsable de ser a/o autor/a das fotografías que presenta. No caso de que o/a participante sexa menor de idade a declaración responsable será asinada polo seu nai/pai ou titor/a legal. Poderanse presentar un máximo de 3 fotografías por participante. Deben ser orixinais e tomadas dentro do termo municipal de Xove. Deberanse presentar en formato dixital (JPEG) en alta calidade (sen compresión) a unha resolución mínima de 2048 píxeles sen limitación de tamaño en MB.

A documentación a presentar será a seguinte: ficha de inscrición e declaración de autoría establecidas ao efecto; copia do NIF do concursante; CD ou pendrive que conteña as imaxes dixitais.

O sobre deberá presentarse ata o día 6 de setembro de 2024, tanto no Rexistro de Entrada de Documentos (Casa do Concello, Camiño Real s/n 27870 Xove), coma mediante envío por correo postal ordinario. Neste último caso deberase facer constar no sobre pola Oficina de Correos a data de presentación, que será igualmente como máximo o día 6 de setembro de 2024.