O Concello de A Pontenova convoca o concurso de fotografía “Os recunchos máis fermosos e descoñecidos de A Pontenova”, do que sairán elixidas por votación popular as 12 fotografías que comporán o calendario de A Pontenova do ano 2022.
Nas bases do certame explícase que “a temática das fotos que se presenten a este concurso deberá versar sobre eses recunchos do concello de A Pontenova que persoalmente nos parecen os máis fermosos do mundo pero que, ao mesmo tempo, son descoñecidos para a gran maioría dos veciños e veciñas deste concello. A finalidade principal desta iniciativa é a de dar valor e visibilidade aos numerosos recunchos, paisaxes, árbores, fervenzas, construcións tradicionais, etcétera que son singulares, posúen unha indubidable beleza estética e que podemos atopar ao longo de cada unha das 11 parroquias que conforman este concello”.
Poderán concursar todas aquelas persoas que o desexen, estean ou non empadroadas en A Pontenova, sempre que sexan os autores das fotografías presentadas e as imaxes se axusten á temática establecida. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 fotografías, que poderán ser en cor ou en branco e negro.
O prazo para presentar as fotografías ao concurso está aberto e rematará o 15 de outubro. Deberán ser remitidas ao e-mail: turismo@concellodapontenova.org, especificando no asunto do correo: “Concurso Calendario 2022 A Pontenova”, e no texto do mail os datos persoais do autor (nome e apelidos, e-mail e teléfono de contacto) e os datos da obra (título da obra e lugar no que foi realizada).
A cada fotografía asignaráselle un número de inscrición, o cal se lle comunicará ao seu autor a través dun e-mail de confirmación.
De entre todas as fotografías recibidas un xurado independente formado por 2 profesionais da fotografía nomeados polo concello fará unha primeira escolla de 24 fotografías. As fotos seleccionadas posteriormente expoñeranse publicamente a través da web oficial de turismo do Concello para ser sometidas a votación popular. As 12 fotografías que reciban máis votos serán as que finalmente aparecerán no calendario oficial de A Pontenova do ano 2022. As datas e instrucións concretas para realizar esta votación publicaranse puntualmente e coa suficiente antelación nas contas oficiais de facebook e instagram de Turismo A Pontenova.
Cada un dos autores das 12 fotografías máis votadas recibirá como agasallo un vale regalo por valor de 50 euros para gastar en calquera dos establecementos de A Pontenova, así como unha pequena réplica dun forno de calcinación, un dos principais símbolos da historia do concello.