O Concello de Mondoñedo presentou os tradicionais certames de poesía que levan os nomes de dous grandes creadores da cidade episcopal: o XXV premio Díaz Jácome e o XIII premio Leiras Pulpeiro.
Trátase, en primeiro lugar, do Premio de Poesía Leiras Pulpeiro, que acada a súa edición décimo terceira, e ao que pode concorrer calquera persoa que presente a súa obra en lingua galega. Os poemas a presentar terán que ser orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado. As composicións serán dunha extensión máxima de 150 versos de temática libre e poderán achegarse ao Concello de Mondoñedo, ata o día 18 de outubro deste ano. Este certame está dotado con tres premios: 1º, de 1.500 euros; 2º, de 600 euros; e 3º, de 300 euros, placa e diploma.
E, en segundo lugar, presentouse o Premio de Poesía Díaz Jácome, que, neste caso, acada a súa vixésimo quinta edición, e, como é habitual, vai destinado a novas e novos creadores que non teñan unha idade superior a trinta anos. Os poemas a presentar terán que ser orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado. As composicións serán dunha extensión máxima de 150 versos de temática libre e poderán achegarse ao Concello de Mondoñedo, ata o día 18 de outubro do 2024. O certame Díaz Jácome está dotado con tres premios: 1º de 1.500€, 2º de 600€ e 3º de 300€, placa e diploma.
As bases íntegras, de ambos premios, pódense consultar na páxina web do Concello de Mondoñedo: www.concellomondonedo.es.
O Concello de Mondoñedo quere animar a todos os nosos creadores e creadoras a participar nestes dous certames de longa tradición en Galicia.