Con motivo da festividade do Nadal o Concello de Mondoñedo, a través da Concellería de Cultura, organiza a quinta edición do Concurso de Decoración de Nadal que abrangue decoracións en fachadas, balcóns, portais, xardíns, escaparates, etcétera, así como a instalación de árbores de Nadal.
O Concello de Mondoñedo explica: “convócase en modalidade individual e colectiva, como se establece nas bases; está aberto a toda a veciñanza con residencia no municipio de Mondoñedo e ten como obxectivo incentivar a decoración de Nadal nas vivendas e no comercio local e, con iso, colaborar a difundir o ambiente de Nadal polas nosas rúas, dando protagonismo aos cidadáns, promovendo a súa participación activa para acadar entre tod@s un conxunto de Nadal integrado no noso casco histórico e en todo o municipio”.
As inscricións poden facerse na Oficina de Turismo de Mondoñedo ou a través do teléfono 982.50.71.77. Haberá que indicar o nome e apelidos, DNI, o enderezo onde se localiza a decoración para avaliar e un teléfono de contacto. O prazo está aberto ata o 23 de decembro.