O Concello de Mondoñedo colabora co Instituto de Educación Secundaria San Rosendo e coa PlataformaComarca de Mondoñedo Unida na replantación da área recreativa e paisaxística A Fervenza, en Viloalle.
Tras a limpeza deste enclave paisaxístico por parte de voluntarios, repoboarase a localización con árbores autóctonas e paisaxísticas. Unha actuación que, segundo a organización, busca poñer en valor un dos enclaves máis fermosos e con gran atractivo medioambiental, paisaxístico e etnográfico da zona.
O esquema de plantación de A Fervenza e as árbores a empregar foi deseñado polo alumnado do departamento forestal A Granxa do Instituto San Rosendo, que procederán a realizar a colocación das árbores no marco dunha xornada na que colaboran as tres entidades (Concello, Instituto de Educación Secundaria e Plataforma Cidadá Comarca de Mondoñedo Unida).
Festa Medioambiental
A festa medioambiental celebrase mañá venres. Dará comezo ás 09:30 horas coa plantación de árbores ornamentais. A xornada tamén inclúe xogos tradicionais, así ás 12:00 horas celebrase un torneo do xogo da chave. Xa ás 13:00 horas darán comezo os actos oficiais de lecturas conmemorativas e colocación das placas identificativas das árbores. A festa medioambiental conclúe coa celebración dun xantar campestre con amenización musical.
Dende a organización explican que se trata, polo tanto, dunha festa medioambiental, educativa e lúdica para embelecer un dos lugares mais fermosos da comarca,
moi utilizado como lugar de baños e de merendas no verán e que atrae gran número de visitantes.