O Concello de Foz programa dez actividades de Cultura na Rúa desde hoxe, martes, ata este domingo, día 16.
Hoxe ás 21:00 horas no Colexio Nº1 haberá teatro infantil coa compañía Producións Teatrais Excéntricas que ofrecerá a obra Cartoons. E a proxección de cine ao aire libre que estaba programada para esta noite na pista polideportiva da parroquia de San Martiño aprazouse para o vindeiro martes, día 18, debido ás choivas.
Mañá, mércores, ás 21:00 horas no Colexio Nº 1 terá lugar outra representación de teatro infantil. Neste caso será Caramuxo Teatro coa obra Pavillón Lino.
O xoves, día 13, haberá autocine no aparcadoiro Valle Inclán ás 22:30 horas. Proxectarase a película María Solinha.
Para o venres 14 están programadas dúas actividades: un concerto de música barroca francesa, dentro das actividades do Festival Bal y Gay, na igrexa de Foz ás 21:00 horas; e cine na explanada da igrexa de San Acisclo, onde se proxectará a película Lo nunca visto ás 22:30 horas.
O sábado 15 tamén haberá dúas actividades: ás 13:30 horas nos xardíns do Campo da Cabana actuará o grupo Caldo e ás 21:30 horas na Praza Conde de Fontao terá lugar un concerto do grupo Best Boy.
E o domingo 16 ás 13:30 horas no Paseo da Rapadoira actuará de novo Best Boy, ás 20:00 horas na Casa da Cultura proxectarase o documental Dancing Beethoven, dentro do Festival Bal y Gay, e ás 21:00 horas no Paseo da Ribeira haberá un concerto do grupo Gancho Sanches.