O Concello de Foz entregará este venres, día 28 de xuño, os premios da terceira edición do certame de teatro afeccionado José Luis López Lorenzo-O Poto ás 20 horas na Casa da Cultura. O evento, que será de acceso gratuíto a todo o público que queira acudir, contará coa presentación e actuación de Ibuprofeno Teatro, neste caso as actrices Marián Bañobre e Isabel Risco cunha adaptación da súa representación da obra O furancho.
“O evento é aberto a todo o público, para acompañar aos premiados desta edición, que contou con gran nivel, por primeira vez con actuacións para nen@s e ademais cun fío condutor histórico nas obras dos grupos adultos”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto. Os premiados coñeceranse na propia cerimonia e o Concello faraos públicos ao finalizar a mesma.
“Queremos agradecer o traballo dos grupos de teatro afeccionado, non só de Foz senón de todos os participantes neste certame e dos que se presentaron e non foron seleccionados”, finaliza a concelleira.