O Concello de Cervo vén de mellorar a área de autocaravanas da Veiga tan frecuentada nos meses de verán, que chega ao 100% de ocupación moitos días de xullo e agosto.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Turismo, Mali Méndez, supervisaron a actuación para a que se destinaron preto de 10.000 euros , todos eles procedentes de fondos municipais; e compartiron un intre coas persoas usuarias instaladas alí estes días que destacaron o confortable da área de autocaravanas tanto pola contorna na que está ubicada como polos servizos dos que dispón.
En concreto, tal e como explicou Villares, “os traballos foron dirixidos fundamentalmente a regular o estacionamento, co que se logrou ampliar a capacidade da área, e as persoas usuarias tamén gañaron en comodidade durante a súa estancia, ao tempo que conseguimos ordenar o tránsito nesta zona”.
O rexedor puxo en valor este espazo que é a día de hoxe é un puntal importantísimo do turismo no noso Concello, “traballamos para conseguir unha contorna que sexa confortable para as persoas que nos visiten; tendo en conta tamén os beneficios que reporta esta modalidade vacacional, tan en auxe, ao noso municipio”.
Pola súa banda, Méndez, apuntou que estes traballos que rematamos veñen sumarse a outros que levamos a cabo en meses pasados nesta área como “a posta en funcionamento dunha rede wifi municipal; a instalación de novos puntos de luz e paneis informativos sobre a contorna con todo tipo de información turística e de interese para as persoas usuarias que inclúe a localización dos diferentes puntos turísticos e servizos fundamentais do municipio”.