O Concello de Cervo xa ten todo a punto para celebrar un entroido por todo o alto, con actividades e festa para todos os públicos que xirarán en torno aos tres desfiles que se celebrarán en Cervo, en San Ciprián e en San Román de Vilaestrofe.
A tenente alcalde, Dolores García Caramés e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, presentaron a programación xunto cos representantes das Asociacións Airiños do Xunco, a asociación Mulleres Rurais As Espalladoras e da asociación de montes veciñais de San Román e da asociación de veciños de Vilastrofe, colectivos, estes últimos que se encargan da organización dos entroidos de Cervo e de San Román, respectivamente.
Os actos de Entroido comezarán o sábado 18 en Cervo, cunha actuación infantil na carpa instalada na praza do Souto para dar paso ao prato forte, co Desfile de Entroido que terá lugar o domingo 19 de Febreiro. O punto de encontro será o CEIP de Cervo, e as inscricións estarán a disposición dos participantes de 17h a 18h alí mesmo de onde sairá o desfile ata a carpa instalada na Praza do Souto onde se fará a entrega dos premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas, que recibirán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de Entroido; a continuación discomóbil Conxuro, poñerá os acordes á festa.
As comparsas, que deberán estar integradas por máis de 8 persoas, e que se anoten antes do sábado 18 de febreiro, recibirán unha cesta de produtos típicos de entroido.
Para máis información e para inscribirse no desfile os/as interesados/as poden chamar aos teléfonos 617 31 32 07 (Rafa) ou 627 30 93 54 (Sandra).
O luns 20 celebrarase a Festa Infantil de Entroido organizada polo Concello de Cervo na carpa instalada na Praza dos Campos a partir das 17:30H.
O martes 21 terá lugar o desfile de Entroido de San Ciprián a partir das 18H con saída da carpa instalada na Praza dos Campos e amenizado por unha charanga. Haberá 2.280€ en premios aos mellores disfraces e comparsas. Ao remate do desfile amenizará un grupo de música.
As persoas interesadas en participar no desfile poderán anotarse na Casa da Cultura de San Ciprián, chamando ao 982.59.51.57, en horario de mañá e ata o venres 17 de Febreiro incluído; e recibirán vales de consumición nos establecementos hostaleiros locais e bolos preñados.
Aceptaranse inscricións ata o luns 20 na Casa da Cultura pola mañá; e ese mesmo día na Praza dos Campos, dende as 16:00 ata as 17:30 horas; pero sen dereito a vales. Os participantes que desexen anotarse a partir das 17:30 horas do día do Desfile quedarán excluídos do concurso, pero poderán participar igualmente na marcha. Os premios entregaranse na Praza dos Campos ás 21:30 horas; e todos os/as gañadores/as terán que recollelo co disfrace posto.
O sábado 25 péchase a semana de Entroido no Concello de Cervo co Desfile de Entroido de San Román organizado pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras, a asociación de veciños de San Román de Vilaestrofe e a asociación de montes veciñais. Será a partir das 22:00H no Pavillón de San Román de Villaestrofe e estará amenizado polo Grupo Unión y Fuerza e por discomóbil Conxuro. Repartiranse máis de 1.500 euros en premios aos mellores disfraces e o teléfono para formalzar a inscrición é o 656.272.802.