O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación e Cultura, programa unha nova edición de enredos de verán para os meses de xullo e agosto, dirixido a rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos.
Deste xeito, a edil de Educación, desprazouse ata os Colexios do municipio, para informarlles aos mozos sobre as diferentes actividades que se impartirán.
Entre elas destaca unha semana adicada á seguridade, na que poderán ver en primeira persoa as ferramentas de traballo dos corpos e forzas de seguridade e recibirán clases prácticas nesta materia. Estre as actividades deseñadas, haberá unha xornada na que os pequenos poderán acceder ao barco da Garda Civil, que se desprazará ata San Ciprián. Ademais, os membros de protección civil impartirán un obradoiro de primeiros auxilios.
Tamén se levará a cabo un circuíto de educación viaria co fin de que ,tal e como sinalou Caramés, “os pequenos tomen conciencia e adquiran os hábitos adecuados relacionados coa seguridade viaria e que participen do tránsito dun xeito activo e máis responsable”.
Haberá tamén todo tipo de xogos acuáticos, skate e moitas outras actividades ao aire libre durante estes dous meses.
Ademais, tamén haberá unha semana adicada a sensibilización ambiental, programada dende a delegación de Medio Ambiente que dirixe Manuela Méndez, coa que se pretende incidir na concienciación e no respecto á contorna a través de diferentes actividades pensadas para os máis pequenos.