O Concello de Cervo, a través da delegación de Xuventude, pon en marcha a II edición do Programa Avívate en Cervo, dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, logo da boa acollida que tivo na pasada edición.
O programa, que comezará o 2 de xullo, engloba un curso de monitor de tempo libre, un curso de manipulador de alimentos e un terceiro de primeiros auxilios, como actividades principais.
A iniciativa completarase cunha visita á Escola Infantil Municipal onde as persoas participantes recibirán unha charla sobre o seu funcionamento; que terá lugar o 8 de agosto. Tamén está programado o obradoiro “Non desesperes…Relax”, que é unha xornada de ioga impartida por unha especialista na Casa do Mar de San Ciprián.
As inscricións son de balde e as prazas son limitadas. As persoas interesadas deben formalizala na Casa da Cultura ou no Concello antes do 28 de xuño.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que o que se pretende “é traballar para tentar ofrecer aos nosos mozos todas as ferramentas que estean na nosa man, para complementar e reforzar a súa formación e mellorar a súa empregabilidade, nun mercado laboral cada vez máis competitivo e que demanda maior cualificación”
O rexedor convidou, así mesmo, a todos os rapaces a que se sumen a estar propostas e que aproveiten o tempo de lecer ao máximo, “porque entendemos que estes proxectos constituirán un importante apoio para o seu futuro e desenvolvemento persoal e profesional”.