O Concello de Cervo, a través das delegacións de Cultura e Educación, vén de convocar un concurso de postais de Nadal dirixido ao alumnado de infantil e primaria do municipio.
Tal e como explicou a edil responsable, Dolores García Caramés, as obras terán que ter como tema o Nadal, a técnica é libre e os traballos deben presentarse nunha cartolina tamaño folio.
Os orixinais teñen que entregarse na Casa da Cultura de San Ciprián ou na Casa do Concello, sen asinar e acompañados dun sobre pechado que conteña os datos persoais do autor: nome, apelidos, idade, colexio e número de teléfono.
Establécese un premio por cada modalidade; de 3 a 5 anos, de 6 a 9, e de 10 a 12 anos.
O prazo de recepción remata o 29 de novembro. E o fallo do xurado farase público o 3 de decembro.
Caramés apuntou que entre as tres postais finalistas, o xurado elixirá unha que será a protagonista das felicitacións de Nadal do Concello.
Belén de plastilina
Por outra banda, o Concello de Cervo, convida un ano máis ás crianzas a confeccionar o belén de plastilina que poderá ser visitado durante todo o Nadal na Casa da Cultura e na Casa do Concello.
As inscricións poden presentarse ata do 30 de novembro nestes dous emprazamentos.
A actividade desenvolverase o domingo, 1 de decembro, ás 12:00 horas en Cervo, e ás 17:00 horas, en San Ciprián.