O Concello de Cervo, a través da delegación de Xuventude, celebra un ano máis o Día dos Namorados co VIII certame de amor na rede.
Tal e como puntualizou a edil, Dolores García Caramés, “o tema xenérico deste concurso é o amor, pero o amor en calquera das súas versións, como pode ser a amizade, a familia, a parella, o amor polas mascotas…; ou calquera idea que se lle poida ocorrer a calquera dos participantes.”.
Todos aqueles interesados poderán presentar o seu traballo en tres formatos diferentes: unha carta que non supere o espazo dun DIN-A4, un vídeo que non supere a duración de un minuto, ou unha foto. Estableceranse dúas categorías en función da idade: unha para maiores e outra para menores de 18 anos.
O prazo de presentación para a entrega dos traballos remata o domingo 13 de febreiro ás 17:00H. Poderán enviarse a través do correo electrónico cervocultura@gmail.com ou a través do Whatsapp 683 315 939.
Os orixinais serán publicados o luns 14 de febreiro ás 09:00H no Facebook do Concello de Cervo. Aqueles que teñan máis “gústame” ás 23:59H dese mesmo día, serán os gañadores na súa correspondente franxa de idade e categoría. Ademais, entregarase un premio ao traballo máis orixinal en cada unha das categorías de idade.
Os gañadores publicaranse o martes 15 de febreiro nas redes sociais do Concello de Cervo.
Na categoría para menores de 18 anos, o premio consistirá nun vale de 40€ para gastar en calquera establecemento do Concello de Cervo. Na categoría para maiores de 18, a recompensa será un vale, que se poderá trocar por unha cea para dúas persoas en calquera establecemento hostaleiro do termo municipal.