O Concello de Cervo convida a participar nas festas da Santa Isabel de Lieiro, que terán lugar do 5 ao 8 de xullo

A parroquia de Santa Isabel de Lieiro xa está preparada para vivir a fin de semana máis importante do ano, coa celebración das Festas na Honra de Santa Isabel, que se celebrarán esta fin de semana, desde o venres 5 de xullo, ata o luns 8 de xullo.

A tradicional cita do verán cervense foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, e por unha representación da Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, que se encarga da organización, coa colaboración do Concello.

O programa arrincará o venres ás 22.30 horas, coa celebración da Festa da Xuvente con Nueva Fuerza, Conxuro discomóvil e DJ Litainer. 

O sábado, 6 de xullo, a xornada comezará ás 10.00 horas cunha ruada a cargo do grupo Mistura de Lieiro. Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne cantada pola Coral Terra Mar e ás 13.30 horas dará comezo a sesión vermú a cargo da orquestra Ritmo Joven. Chegada a noite Charleston Big Band, Grupo Beatriz e Ritmo Joven amenizarán a verbena desde as 22.30 horas. 

O domingo, 7 de xullo, a misa solemne está prevista para as 13.00 horas, na capela do Guioncho, e ao termo do acto será o grupo Da Silva, o que amenizará a sesión vermú. 
Entrada a noite, as orquestras Gran Parada e Cinema porán a nota musical desde as 22.30 horas 

O luns, 8 de xullo, último día da festa, o grupo Mistura de Lieiro actuará ás 19:00 horas, seguido da popular sardiñada, que comezará ás 20:00 horas. Chegada a noite Tania Veiras e a orquestra Galilea amenizarán a verbena desde as 21.30 horas.

Desde o Concello de Cervo animan a veciños e visitantes a sumarse a esta gran festa, “unha cita moi marcada no noso calendario que ano tras ano congrega a centos de visitantes animados por un ambiente excepcional e pola mellor animación musical posible”; Caramés tamén quixo darlle os parabéns á organización “polo gran cartel previsto e polo esforzo de seguir a organizar ano tras ano, con tanta dedicación e ilusión, unha cita tan importante para Cervo, e das máis destacadas do verán na comarca, sen dúbida”.