O Concello de Cervo, conxuntamente coa A.C. Airiños do Xunco, e a A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos organiza para o vindeiro sábado, 6 de maio, a XI Festa de Exaltación da Carne do Porco e a III Foliada que terá lugar ao longo de toda a xornada na Praza do Souto.
Un evento que tal e como a edil de Cultura, Dolores García Caramés “aúna dúas características intrínsecas á cultura galega que maridan á perfección, por unha banda a vertente gastronómica e por outra a música tradicional, que dará a nota de cor durante todo o día”.
A Festa comezará ás 12:00 horas, cunha master class infantil de pandeireta e canto, ás 13:30 horas, será a quenda da sesión vermouth amenizada polo grupo local Airiños do Xunco, xa pola tarde, ás 17:30 horas, haberá clases de iniciación a baile tradicional.
As actuacións musicais volverán coller o testigo ás 19:30 horas, cando volverá a actuar Airiños do Xunco.
Ás 20:00 horas, será cando dea comezo a Festa gastronómica, coa exaltación da costela de porco, que irá acompañada de chourizo, pan e viño, todo nunha cazola que se servirá por 7 euros a ración.
Actuarán diferentes grupos de toda a zona como Arume de Burela, as pandereiteiras Nova Semente de Celeiro, o concerto dos Carecos, Ledicia de Burela, O Son do Sor do Barqueiro, A Rebolaxe de San Ciprián e Os do 21, do Vicedo. Xa a partir das 23:00 horas, terá lugar o gran concerto do Grupo Radio Cos. A continuación foliada libre.