O Concello de Cervo reparte xa casa por casa o material didáctico do taller de memoria a domicilio que puxo en marcha a través da delegación de Servizos Sociais.
Pilar Armada recorda que esta actividade, que xa conta cunha trintena de participantes e que está dirixida tanto para as persoas usuarias habituais do obradoiro como para a veciñanza en xeral, foi concibida “co obxectivo de achegarlles eses exercicios tan saudables para exercitar a nosa memoria para que os poidan realizar desde a casa. Son actividades –engade- que ademais de axudar a exercitar a nosa mente, consideramos que tamén poden ser unha boa opción para ocupar o noso tempo neste días de confinamento”.
Aquelas persoas que desexen recibir o material didáctico no seu domicilio deben poñerse en contacto con nós a través do teléfono 615 32 13 86: e no menor tempo posible o persoal municipal achegaralle toda a documentación ao seu domicilio.
Os técnicos da delegación de Servizos Sociais seguen a traballar na preparación de completos dosieres con exercicios de todo tipo, e estarán dispoñibles no teléfono antes citado para calquera tipo de consulta e para o seguimento das clases a domicilio.