O Concello de Cervo celebrará o XVIII Encontro de Palilleiras o sábado 5 de abril en San Ciprián

O Concello de Cervo xa está traballando na organización do XVIII Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía que se celebrará o día 5 de abril, sábado, na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián.

A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés; a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada; e polas palilleiras de San Ciprián na Casa do Mar, no local que empregan para desenvolver a súa actividade.

Dolores García destaca que “con 18 anos de historia, o Encontro de Palilleiras é un evento máis que consolidado en Cervo co fin de poñer en valor unha tradición artesanal que cremos primordial que se manteña viva. Unha cita que rende homenaxe á paciencia, á dedicación e á creatividade de todas esas persoas que manteñen viva esta artesanía tan especial que garda un legado que se transmitiu de xeración en xeración, e este encontro serve tamén para celebrar a importancia de preservar e promover estas tradicións”.

A alcaldesa e a edil convidaron a asistir a este Encontro no que se poderá “gozar da beleza dos traballos confeccionados por expertas palilleiras e da súa destreza en vivo, contribuíndo así á conservación e posta en valor deste oficio con gran tradición e séculos de historia”.

As persoas interesadas en participar xa poden anotarse na Casa da Cultura ou a través dos teléfonos 982.59.51.57 ou 629.91.22.39.