O Concello de Cervo segue a apostar neste verán pola conciliación familiar a través dun completo programa de actividades lúdico-educativas enmarcada no programa bautizado como “Cervo Concilia”, que se desenvolverá ata o 7 de setembro, coincidindo co comezo do curso escolar, en horario de 9:00 a 14:30 horas.
Máis de 125 pequenos/as de entre 3 e 12 anos participan cada día nesta iniciativa municipal de balde, que coordina a edil de Educación, Dolores García Caramés, xunto cun equipo humano conformado por 10 monitores/as e 6 voluntarios/as.
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Educación, achegáronse ata a Casa do Mar onde se habilitaron cinco aulas para impartir as diferentes actividades que se complementan con saídas diarias ao exterior para participar en rutas de sendeirismo, actividades acuáticas ou deportivas, entre outras iniciativas.
Tal e como precisou Villares, “redobramos esforzos e conseguimos o obxectivo de poder ofertar o servizo ao 100% das familias cervenses que quixeron participar”, engaden.
Para os vindeiros días o calendario de actividades contempla balonmán ou paddle surf entre outras actividades.