O Concello de Cervo e o C.D. San Ciprián organizan a !ª Carreira Popular Península da Paz que terá lugar o domingo 4 de setembro en San Ciprián, coa colaboración da Xunta de Galicia.
A cita deportiva foi presentada na pista de atletismo da Veiga –de onde partirá a carreira- polo rexedor, Alfonso Villares, o edil de Deportes e a concelleira de Cultura, David Rodríguez e Dolores García Caramés, respectivamente, polo xefe do servizo provincial de Deportes, Manuel Otero, e en representación do C.D. San Ciprián, por Olga Vicente, que dirixe a sección de atletismo do club, e pola directiva Cristina Barreira.
A proba infantil será ás 11:00 horas e o percorrido de 5.500 metros será íntegro na pista de atletismo. Pola súa banda, a proba absoluta partirá ás 12:00 horas da mesma pista e discorrerá por todo o perímetro costeiro de San Ciprián. https://racemapp.com/recorrido/763-carreira-peninsula-da-paz-concello-de...
As persoas interesadas poden inscribirse ata o 30 de agosto na páxina championchipnorte.com.
Haberá trofeos e medallas para todas as categorías, e os primeiros 150 corredores que se inscriban recibirán como agasallo unha camiseta técnica da proba.
Villares destacou o atractivo do percorrido, xa que os corredores poderán desfrutar da costa de San Ciprián ao tempo que practican deporte, e animou a veciños e visitantes a participar nesta primeira edición “cun trazado sinxelo adaptado a todos os públicos”.
O rexedor apuntou que en cuestións de días darán comezo as obras de remodelación do complexo que nos permitirán contar en Cervo coa primeira pista de atletismo homologada da Mariña grazas a un convenio de colaboración subscrito coa Xunta de Galicia, e que suporá dun investimento total de 560.000 euros.
Esta carreira popular –engadiu- tamén é unha oportunidade para promover a práctica deste deporte no noso Concello e tamén para dar a coñecer as nosas instalacións aos atletas participantes, que poderán ver en primeira persoa o potencial desta infraestrutura que, desde que estea rematada a obra, será un escenario excepcional para a práctica do atletismo.