O Concello de Barreiros organiza excursións para as escolas deportivas municipais os días 3 e 5 de xullo

O Concello de Barreiros organiza dúas excursións para poñer o broche final á tempada 2023-2024 das escolas deportivas municipais que “contaron con moi boa participación e nas que xa se está a traballar elaborando a programación da vindeira tempada”. Haberá unha viaxe para crianzas o 3 de xullo e outra para adultos o 5 de xullo.

En canto á excursión para crianzas, o mércores 3 de xullo ao Parque Acuático de Cerceda, “as nenas e nenos pasarán unha xornada divertida gozando das diferentes piscinas e tobogáns cos que conta o recinto”, anuncia o Concello.

A excursión para adultas/os será o venres 5 de xullo cun roteiro de sendeirismo pola ruta do ferrocarril (San Tirso de Abres - A Pontenova). Un percorrido de aproximadamente 14 quilómetros que inclúe desprazamentos desde a Praza do Concello e xantar no Hotel San Briz da Pontenova.

As persoas que desexen participar terán que inscribirse nas oficinas municipais como último día o 2 de xullo para a excursión a Cerceda (crianzas) e o 3 de xullo para o roteiro de sendeirismo (adultas/os). Terán que entregar o formulario de inscrición xunto co xustificante do pagamento das taxas: 5 euros por crianza máis 5€ euros por acompañante de ser o caso (Cerceda); e 25 euros por persoa (roteiro).

As persoas interesadas ponden ampliar a información na web municipal: www.concellodebarreiros.gal.