O Concello de Alfoz anuncia que “comeza o mes de novembro e con el os sábados de teatro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz ás 20 horas, con entrada de balde. Desta volta con diferentes propostas de comedia para todos os públicos e para todos os gustos”.
O día 2 a obra que se representará é a titulada "Coa música a outra parte", da compañía Trécola producións, de Pol. “Empezamos o mes do teatro cunha proposta un tanto diferente, unha comedia de monicreques con música en directo, apta para todos os públicos, que fará rir aos máis pequenos e aos non tan pequenos.
O sábado 9 representarase "Rosalía Café", da compañía A Adala Futura, de Foz. “Os de rapaces máis novos da asociación A Adala, de Fazouro, farannos rir con esta comedia na que unha rapaza de aldea decide marchar á capital para buscarse a vida”.
O día 16 a obra é "Era boa se colara!!!", do Grupo os Pícaros de Lagoa (Alfoz). “Turno para os da casa, os nosos veciños farannos rir con esta comedia costumista tan particular na que unha praga acaba con toda a produción de fabas de A Mariña”.
O 23 representarase "Aire fresco", do grupo cervense Ardora. “Unha comedia que nos fará reflexionar sobre a importancia de prestar atención a quen nos coidou e agora precisa ser coidado”.
E o día 30 rematará o ciclo con "Saíndo do cerco", do grupo Teatro do Miolo, de Lugo. “Unha comedia desenvolta cando Suso entra nun centro de maiores”.
“As risas están aseguradas durante o mes de novembro con estas cinco compañías de teatro, que nos representarán cinco obras totalmente diferentes”, remata o Concello de Alfoz.