Despois de máis de vinte representacións por toda a xeografía galega e do occidente asturiano, en moitas das cales houbo que colocar o cartel de “non hai entradas” (Betanzos, Vedra, Vegadeo, Rinlo,...), pódese considerar esta produción como un dos éxitos indiscutibles do teatro afeccionado galego desta tempada.Este espectáculo foi galardoado co premio Conde Santo á Mellor obra e co premio Lourenzo ao Mellor Actor Protagonista no I Certame de teatro afeccionado de Lourenzá (no que tamén estivo nominada á mellor posta en escena e á mellor actriz protagonista) e cos premios á Mellor Montaxe e Mellor Actriz Protagonista nos XXI EncuentrosTeatrales de Vegadeo (Asturias). Foi tamén seleccionada para participar no IX Encontro de teatro afeccionado de Betanzos 2018, no Festival Teatrofilia de Vedra e na Mostra Internacional de teatro amador Estenarúa de Ferrol.
Agora, e despois de todo este percorrido a Enciclopedia de Ollomao chega a Castropol
Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista. Os problemas de matemáticas aos que “lles faltan datos” ou están “mal planteados”, as preguntas de catecismo que se contestan de determinada maneira “porque lo pone el libro”, as clases de ximnasia impartidas por mutilados de guerra, as de “hogar” para as nenas a cargo de mulleres da Sección Femenina ou a visita do inspector da Falange, entre outras, poñen sobre o escenario algunhas das incoherencias máis notorias daquel sistema. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza. Unha historia que “nos fai pensar mentres escachamos coa risa” en palabra dun dos espectadores asistentes á estrea.