A Asociación de Belenistas da Diocese de Mondoñedo-Ferrol organiza para este sábado, 27 de xaneiro, co gallo da clausura do belén da catedral mindoniense, unha mesa redonda para falar dos Reis Magos. Será ás 20:00 horas no Salón de Coengos do Real Seminario Conciliar de Santa Catalina, na rúa Padre Sarmiento 1, de Mondoñedo.
O título é “Os Reis Magos: memoria, iconografía, literatura” e será unha viaxe máxica dende o belén da Catedral de Mondoñedo á infancia de Carlos Casares. Contará coa presenza do presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares; Carlos Henrique Fernández Coto, presidente de APATRIGAL; o escritor e xornalista Ramón Loureiro; e Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares. Presenta e modera José Luis Fernández (Keno), presidente da Asociación diocesana de Belenistas.