Desde a organización sinalan que “o próximo día 30 de xullo volveremos ter unha cita nos Xardíns de Viveiro para disfrutar de balde dalgúns dos mellores artistas de electrónica e urbano”.
O cartel estará formado por Mark Broom, Bárbara Lago, Chica Gang, Drea, Karras Martínez, Soffmm, Adrián Roma, Llonas, Edmuk JP
E explican: “despois da paraxe provocada polo COVID-19, a 5ª edición do festival de música eletrónica ETHER - An Electronic Odyssey será nos Xardíns Noriega Varela de Viveiro no día 30 de xullo. A localización do festival terá lugar nun enclave único: entre a histórica Porta de Carlos V e a beleza da ría de Viveiro. O festival será gratuíto e os asistentes poderán desfrutar dos DJ sets a partir das 13:00. Se isto non fora suficiente, en Viveiro e a súa contorna hai extensas praias e montañas para os amantes da natureza”.
A oferta cultural ofrecida polo Ether 2022 dividirase en 3 partes: Etherkids, Etherplay e o festival de música. As actividades dos Etherkids serán realizadas na semana anterior ao festival de música. Nestas actividades de lecer para os meniños/as, o comportamento creativo é promovido a través de contextos educativos e artísticos tendo a música electrónica como protagonista. No Etherplay, o produtor Álvaro Aragonés (Daar), irá presentando o mundo da interpretación e deseño de son con instrumentos reais como secuenciadores, sintetizadores, caixas de ritmo, etc., ben como a preparación dunha actuación ao vivo con hardware viaxando a través da súa metodoloxía e técnicas. A actividade incluirá unha breve parte teórica de iniciación, pasando pola configuración do set up e terminando co inicio do directo. Por último, o festival de música comezará coa sesión vermú, que se conectará co resto das actuacións con presenza de artistas nacionais e internacionais de Techno, House e Urbano principalmente.
Desde a organización do Ether 2022 subliñan que “a partir do medio da tarde será o festival nocturno con artistas nacionais e internacionais da escena electrónica. Para facer da pista de baile unha festa en letras maiúsculas, o palco será comandado por 3 grandes nomes: Mark Broom, unha lenda viva da escena Techno e House que editou en música en discográficas emblemáticas como Rekids, M-Plant ou Warp, e que hoxe en día continúa a revolucionar pistas de baile por todo o mundo; Bárbara Lago, unha das novas promesas do Techno estatal máis demandadas na actualidade; e Chica Gang, unhas das Djs máis solicitadas nas noites madrileñas, tal como confirman a súas recentes aparicións no festival Sónar ou nas Boiler Room, onde misturaron estilos tan diferentes como a Makina, o Hyperpop ou o Reggaeton entre outros estilos. Tamén contaremos con Adrian Roman, quen nos mergullará nunha viaxe de Progressive House como el só sabe facer; e os Djs locais Karras Martinez, Llonas e Edmuk JP para reforzaren a vertente máis Techno e House do festival. Finalmente, completan o line-up Drea, que destaca pola súa fusión de Amapiano, Baile Funk ou UK Garage directa a queimar a pista de baile; e SOFFMM, cuxas sesións caracterízanse por mudanzas vertixinosas, ritmos inesperados e estilos que van desde o Reggaeton ou Trap máis melódico, até a Makina ou o Hardstyle máis salvaxe”.
Ether – An Electronic Odyssey é un festival único onde poderás desfrutar da música electrónica e urbana ao mais alto nivel, mais tamén da natureza, lecer, gastronomía e vida social que Viveiro ofrece durante o verán.