Mañá, 29 de xuño, terá lugar un encontro orquestral no que participarán as Escolas de Música de Burela, Mondoñedo, Ribadeo, Xove e Forte Glissando, de Lugo.
O responsable da escola ribadense, Hugo García, lembrou que “esta iniciativa que leva xa anos en marcha, tivera que suspenderse coa pandemia, pero decidiuse retomala neste curso”.
García explicou que “o alumnado participante desfrutará dunha xornada de convivencia, na que ademais dos ensaios e concerto xa programados, realizarán unha visita guiada polo casco histórico de Ribadeo entre outras actividades. O que se busca con estas accións é fomentar as relacións entre os centros educativos e enriquecer a formación do alumnado”.
E engadiu que “como peche desta xornada, a agrupación que se forme dará un concerto ás 19:00 horas no Teatro de Ribadeo, onde ofrecerán un variado repertorio de obras clásicas de diferentes épocas”.