Cine Ribadeo acolle a estrea da película Dhogs. Será este sábado, 29 de setembro, ás 20:30 horas. No acto de presentación do filme estiveron Suso López, da produtoras da película; o representante de Cine Ribadeo, Julián Vega; e o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
Suso López manifestou que “estamos moi contentos de seguir movendo a nosa película pola provincia, agradecemos ao Concello o apoio de traernos ata aquí e esperamos que a xente que veña lle guste, disfrute e sufra tamén coa nosa película, que é moi especial, en Galicia non se fixo moito cine deste tipo por agora, e coa que estamos moi contentos. Vai vir o director tamén para facer un pequeno coloquio e presentación da película”.
López engadiu que “é unha película estraña, pero que realmente retrata o control e a maldade do ser humano ata facelo público incluso o protagonista”.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que “desde o Concello de Ribadeo queremos animar a toda a xente que estea por aquí a achegarse á sala Cinelandia, este sábado ás oito e media da tarde para ver a película Dhogs, porque consideramos que é unha película que, como o que se fai en Galicia, ten garantía de calidade e temos que promocionar o noso”.
Graña subliñou que “ademais dá moito gusto que xente que é veciña nosa da zona, dous mozos de Meira, cun espírito e unha capacidade creativa inmensa, se lanzaran á aventura. Emprenderon unha viaxe cinematográfica e aquí está o resultado. Animamos a todas as persoas interesadas no bo cine a que acudan á Sala Cinelandia este sábado. Desde o Concello de Ribadeo o que facemos é cumprir co noso obxectivo de promocionar a cultura, a nosa cultura, e dar saída á xente nova visibilizando o seu traballo”.