Mañá, 24 de xullo, arrinca a campaña #DegustaAMariña coa que a FCAM e a Mancomunidade de Concellos queren render homenaxe ás festas gastronómicas da comarca que este verán foron canceladas. A primeira protagonista será a pescada do pincho.
José Carlos Paleo, o presidente da FCAM, explicou que “deste xeito pretendemos render homenaxe a todas as festas gastronómicas que este verán se tiveron que cancelar pola pandemia do Covid-19. Queremos fomentar o consumo dos produtos de tempada desta zona que todos os bares, mesóns e restaurantes teñen nas súas cartas, xa sexa como tapas, como racións ou como pratos”.
Paleo subliñou que “coa campaña #DegustaAMariña queremos animar á xente da comarca e aos turistas que nos visitan durante este verán a saborear e a disfrutar da pescada do pincho, do bonito, do marisco, dos produtos da horta mariñá, da tenreira galega, do peixe do día. O que tentamos é potenciar o seu consumo durante as fins de semana ata finais de agosto. E que cada persoa que deguste pescada, bonito, marisco, etc… colgue as súas fotos en Instagram empregando o hastag #DegustaAMariña e describa brevemente a súa experiencia gastronómica”.
O presidente da FCAM lembrou que “os hostaleiros tamén están a subir as súas imaxes a Instagram para que a xente saiba que vai poder atopar en cada local”.
E insistiu en que “deste xeito queremos potenciar ao máximo o consumo dos produtos de tempada que se poden saborear na hostalería local, difundindo as diferentes elaboracións e contornas para atraer á clientela tanto de A Mariña como aos turistas que están pola zona”.
A pescada do pincho será a protagonista desta fin de semana na hostalería da Mariña, do 24 ao 26 de xullo. José Carlos Paleo animou “a mariñáns e visitantes a achegarse aos bares, mesóns e restaurantes da nosa comarca e a degustar as variadas preparacións de pescada que poderán atopar nas súas cartas”.
A campaña #DegustaAMariña prolongarase ata finais do vindeiro mes de agosto. Colaboran coa FCAM: a Mancomunidade de Concellos da Mariña, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.