Este domingo, día 20, celebrarase a quinta edición da Feira de Gando en Cangas de Foz organizada polo Concello focense. A principal novidade este ano terá lugar o sábado, cando haberá unha ruta de tapas con exaltación de carne de poldro. O evento foi presentado polo alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira; os concelleiros Pedro Fernández Manín e Maite López Rego; e representantes dos colectivos colaboradores, que son Cabaleiros de Cangas, Agrupación Deportiva e Cultural Os Castros, Asociación de Veciños San Pedro e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Real, Rañadoiro e Agudo.
Javier Castiñeira, salientou: “estamos presentando a quinta edición da Feira de Gando de Cangas e o hai que agradecer aos promotores, xente xoven afeccionada aos cabalos e ao gando en xeral, sobre todo por manter unha tradición moi importante nunha parroquia como é Cangas de Foz”.
Para o rexedor focense “que un grupo de chavales xóvenes manteña isto é a saúde desta festa e hai que agradecer o seu traballo incansable, que aínda que sexa unha afección para eles ao final é un traballo grande e acabámolo disfrutando as demais persoas, veciños de Cangas e todos aqueles afeccionados ao mundo cabalar e do gando en xeral”.
Castiñeira dixo ademais que “tamén hai que agradecer á asociación de veciños de Cangas pola súa colaboración, que sempre axuda. O Concello loxicamente tamén está detrás deste evento”.
O alcalde subliña que “esta feira cubre un espazo moi interesante con moita afección e é un día moi completo na zona da área recreativa de Cangas. Pola mañá teremos todo o que é a propia feira e pola tarde quizais os actos máis bonitos, que son as carreiras de andadura, onde habitualmente hai moita participación, no campo de fútbol de Cangas, que sempre está cheo”.
Javier Castiñeira quere “invitar a todo o mundo a que disfrute dun día moi bonito en Cangas, que se achegue a probar a carne de poldro, para todos aqueles que nunca a probaron é unha oportunidade para facelo, e para disfrutar das tradicións que grazas a toda esta xente ao final non se perden e hai que agradecérllelo. Vémonos o domingo na quinta edición da Feira de Gando de Cangas”.
Pola súa banda Soraya Álvarez, da asociación Cabaleiros de Cangas, explicou que “este sábado e domingo, 19 e 20 de agosto, vaise celebrar en Cangas a quinta Feira de Gando que organiza o Concello de Foz e na que colaboramos tanto nós, os Cabaleiros de Cangas, como a agrupación deportiva e cultural Os Castros, a asociación de veciños San Pedro de Cangas e a comunidade de montes Real, Rañadoiro e Agudo”.
Soraya Álvarez manifestou tamén que “o sábado 19 imos poder disfrutar dunha ruta de tapas polos locais da vila, na que predominará a exaltación da carne de poldro, que é o primeiro ano que se fai. O domingo 20 de agosto levarase a cabo a feira. A apertura será sobre as dez da mañá e teremos premios para diferentes concursos, falamos dunha cantidade de aproximadamente 2.000 euros para estes premios nos que haberá diferentes categorías de andadura chapeada de cruzados, andadura serrada de cruzados, andadura de trotóns, trote de trotóns e carreira de burros. Ademais haberá premios para os gandeiros con maior número de cabezas tanto de gando vacún como cabalar, para os mellores cabalos, eguas e exemplares vacúns, para o cabaleiro e amazona de menor idade e de máis idade, así como premios para todas aquelas persoas que nos acheguen algún animal peculiar”.
A representante de Cabaleiros de Cangas engadiu que “no recinto da feira ademais estará a Pulpería Chelo para degustar diferentes viandas como polbo á feira, xamón, churrasco, etcétera. Durante a mañá teremos cabalos a dispor de todo o público de maneira gratuíta para realizar paseos. Haberá exposición de maquinaria e artesanía e animación musical con discoteca móbil durante todo o día”.