O Concello de Mondoñedo,co obxecto de potenciar e poñer en valor a procesión de Domingo de Corpus, promoveu de novo este ano o cartel anunciador desta tradición arraigada na localidade e que se celebrará o próximo 18 de xuño.
O cartel da procesión do Domingo de Corpus, que alberga a pintura creada pola artista mindoniense Irma Loureiro, presentouse no Concello de Mondoñedo, durante un acto oficial no que ademais da alcaldesa da cidade, Elena Candia, tamén participaron o señor Obispo, Luís Ángel de las Heras, xunto a artista Irma Loureiro. Á presentación da obra artística asistiron tamén o edil de Educación, Alberto García, ademais de varios voluntarios/as que anualmente se encargan da elaboración das alfombras.
Dende o Goberno local lembran que por segundo ano consecutivo o Concello decidiu encargar a creación dun cartel anunciador e conmemorativo da procesión a través do cal se “promocione este acto relixioso, que conta cunha longa tradición na cidade”. O Concello buscaque a procesión do Domingo de Corpus“recobre o esplendor e magnificencia que amosou no pasado”, aseguran.
Durante o acto, a alcaldesa tamén quixo poñer en valor e agradecer o traballo do grupo de voluntarios que “anualmente se encargan da confección das alfombras durante a noite anterior á celebración da procesión”. Son un grupo dunhas quince persoas de todas as idades e que foi en aumento nos últimos anos. Neste eido, a rexedora precisa que “en función da evolución do número de voluntarios, buscan cubrir con flores todo o traxecto da procesión, dende a súa saída da Catedral ata a volta ao templo”.
Por último, o grupo de alfombristas tamén invitou a todos os veciños que o desexen a participar desta procesión e da súa organización ao igual que tamén tiveron palabras de agradecemento para as persoas que ceden as flores para a elaboración das alfombras e máis para todos aqueles veciños, tanto particulares como negocios (Almacenes Otero e Autocares El Rápido), que contribúen coa procesión de xeito económico, con achegas anónimas e á Confraría da Virxe dos Remedios. Estas doazóns permiten a compra do material necesario para a creación das alfombras.