Este sábado, 11 de agosto, ábrese na sala de exposicións do Centro Cívico de Xove, a XI edición de Xove 360º. Esta mostra, que o Concello organiza cada ano xunto co colectivo de fotógrafos de Xove, leva o título de Fervenzas e nesta sección preséntanse 13 fotografías. Os fotógrafos participantes elixen cada ano un tema sobre o que cada un deles presenta unha ou dúas propostas fotográficas. O resto da exposición, con 34 das 47 fotografías que a conforman, é de tema libre e inclúe unha gran variedade de temáticas como paisaxes, retratos, flora e composicións, entre outras.
Os fotógrafos participantes este ano son: Alberto Rapa, Andrés García, Diego Fanego, Javier Sánchez, Javier Villares, José Emilio Gómez, José Manuel Blanco, Mateo Guerreiro, Pedro Antonio Vicente, Rubén Pico, Santos Cordovilla e Carolina Moreira. A exposición estará aberta ata o vindeiro 2 de setembro en horario de 18:00 a 22:00 horas.
Esta mostra, como ven sendo habitual nos últimos anos, está dentro do amplo programa festivo que o Concello preparou para o San Bartolo 20018.
O Concello de Xove organiza, na programación de verán, paseos turísticos en bicis eléctricas que terán lugar este domingo, 12 de agosto. Serán en horario de mañá que se determinará en función do número de inscritos. Os grupos serán de dez persoas e as inscricións faranse na Oficina de Turismo. As persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao teléfono 982 592 632. Esta actividade é gratuíta.
Esta fin de semana celebraranse as festas en honra a San Pedro Fiz, organizadas pola asociación de Veciños e Consumidores de Xuances. Terán lugar na praia de Esteiro o domingo, 12 de agosto, a partires das 13:00 horas coa misa solemne, procesión e sesión vermú amenizada pola orquestra Escaparate. Ás 22:00 horas haberá unha invitación gratuíta a racións de empanada e bolos preñados e ás 24:00 horas outra invitación a queimada. Durante a noite celebrarase unha gran verbena coa orquestra Escaparate e o grupo Fusión. Esta festa conta coa colaboración do Concello de Xove e veciños e comerciantes da localidade.