A Agrupación Cultural Francisco Lanza anuncia que “o vindeiro venres, 17 de xaneiro, ás 19:30 horas na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, poderemos asistir á presentación da novela Entre a vontade e o destino (segunda parte da súa triloxía Banu Marwán: a estirpe do galego) de Xosé Henrique Costas. Presentará ao autor o noso compañeiro e amigo da ACFL Suso Fernández Acevedo (profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo)”.
Sobre esta publicación explica que “nesta segunda entrega, Marwán, fillo de Ianes O Galego, comeza unha nova vida acollido polos xudeus de Munt Sáluti ata que emprende camiño a Mérida. Alí, grazas aos seus contactos e á súa competencia, entra ao servizo da administración amiral e vai subindo na escala ata chegar a ser nomeado valí ou gobernador dunha cidade adoito insubmisa e levantadiza contra o poder de Córdoba”.