A música Xulia Nogueira será a pregoeira das feiras e festas de As Quendas 2025, de Mondoñedo

A asociación organizadora das Feiras e Festas das Quendas e das San Lucas, de Mondoñedo, anuncia que a pregoeira de As Quendas 2025 será Xulia Nogueira, directora do coro Mestre Pacheco e mestra de música da Escola Municipal O Pallarego.

O colectivo organizador dos festexos mindonienses explica que “Xulia Nogueira naceu en Lugo. Afeccionada á música dende moi cativa, titulouse en violonchelo polo Conservatorio Superior de Música de Santiago, dedicando a súa vida á arte e á ensinanza musical. A súa formación académica inclúe estudos avanzados en técnica vogal, educación musical infantil, improvisación musical e cursos de postgrao en Musicoterapia. Durante os seus primeiros anos de docencia participou activamente en cursos especializados como as Xornadas de Formación Orquestral da Xoven Orquestra de Galicia e dende o ano 1990 ata a actualidade nos Cursos de Formación Orquestral do Concello de Xove. No ámbito da música vogal, realizou labor como directora de diversos coros, entre os que se inclúen o coro do Conservatorio Profesional de Vilalba, a Escolanía Municipal do Concello de Xove, o Orfeón da Sociedade de Obreiros de Mondoñedo e dende o ano 2000 no coro Mestre Pacheco, de Mondoñedo. Realiza a súa actividade docente no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e nas Escolas de Música de Mondoñedo e Burela, exercendo a dirección da Escola Municipal de Música de Xove”.