A Concellería de Cultura de Burela programa un concerto do grupo Música Miúda este sábado, 23 de outubro, para conmemorar o Día das Bibliotecas que se celebra o 24. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura ás 18:00 horas con entrada libre.
Música Miúda é unha banda de música infantil e contacontos, nacida no ano 2019, formada por Irene Quintero, Miguel Alonso e Oscar Martínez, mestres e músicos. Eles interpretarán cancións propias para público infantil a partir de 3 anos.
No concerto deste sábado ofrecerán unha recompilación dos temas da banda nun formato eléctrico, voces, guitarras, percusión e baixo, coa incorporación de Manu Pazos. Neste espectáculo danse a man os dous contacontos musicais deste proxecto, Historias de Bemol Pequeno e Cambia o conto. A meiga Xela, o dinosaurio Pepón, Antía Carapuchiña, o pirata Efrén e máis personaxes lévanos pola vila de Bemol Pequeno para aprender, cantar e divertirse nunha montaxe de música en directo para toda a familia.