Mondoñedo inmortaliza nun vídeo a Semana Santa 2021 marcada pola situación sanitaria que se está a vivir.

O Concello de Mondoñedo inmortaliza nun vídeo (https://youtu.be/aCnG5ZOUEb0) a Semana Santa do 2021 marcada pola situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19. A creación audiovisual da a coñecer as imaxes máis importantes da Semana Santa mindoniense, de interese turístico, que se concentran este ano no interior da Catedral de Mondoñedo.

“Trátase dunha exposición única, nunca vista, nun entorno tamén único como é a Catedral de Mondoñedo, declarada Monumento Nacional en 1902 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 2015”, segundo destacan dende o goberno local.

A peza audiovisual de pouco máis de 3 minutos e medio comeza ensinando as tres obras escultóricas de Raimundo Rubal que adornan a entrada da Catedral de Mondoñedo.

Xa no interior, o vídeo amosa un percorrido cronolóxico polos distintos episodios da Paixón de Cristo comezando polo “Prendemento” representado por unha figura do Cristo de Medinaceli do século XVIII e o Cristo da Columna do século XVII. A figura articulada de Xesús Nazareno é a máis destacada do “Santo Encontro” xunto á de San Xoán, que data do século XVII, e a Verónica. O Cristo Xacente é a imaxe central do “Santo Enterro” á que tamén pertencen a da Soidade e a Dolorosa. 

Manter o arraigo en tempos de pandemia
O goberno mindoniense sinala que “este ano a Semana Santa de Mondoñedo, declarada festa de interese turístico, celébrase no interior da Catedral respectando as medidas establecidas polas autoridades sanitarias”. De feito, a diocese Mondoñedo-Ferrol xa anunciara a suspensión das procesións na rúa para evitar a concentración de persoas e garantir a saúde pública.

Ante esta situación atípica, o Concello de Mondoñedo apostou por manter a tradición, o arraigo e o espírito da súa singular Semana Santa a través deste vídeo co que da coñecer as imaxes que están expostas no interior da Catedral “para facer partícipes da Semana Santa mindoniense a todos os que a queiran coñecer”.