Mondoñedo acollerá o 5 de xullo as XIII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño. Haberá ruta, xogos populares e música.

A cidade de Mondoñedo acolle o domingo 5 de xullo a décimo terceira edición das Xornadas do Peregrino ‘Abrindo Camiño’que, nesta ocasión, percorrerá un tramo do Camiño Cultural, entre a Basílica de San Martiño (Foz) e a Catedral de Mondoñedo, co obxectivo de promocionar e difundir esta ruta.

Ás nove e media da mañá está prevista a saída en autocar dende o cruce do seminario coa Avenida de Bos Aires ata o inicio da ruta. Un grupo reducido de persoas poderá participar, a partir das dez e media da mañá, nunha visita guiada ao Centro de Interpretación e ao interior da Basílica previa solicitude. 

A ruta continuará en autobús ata a igrexa da Ermida dende onde comezará o camiño a pé ata o centro sociocultural de Oirán.Unha vez reagrupados os participantes con tempo para o descanso e o refrixerio, a viaxe continuará en autocar ata o barrio da Retorta, en Masma, para continuar o percorrido a pé ata o barrio da Ferrería, en Viloalle.

A igrexa de San Ramón acollerá ás dúas da tarde a Oración do Peregrino polos compañeiros e peregrinos falecidos, as persoas enfermas e as afectadas pola pandemia da covid-19. De feito, a xornada terá moi presente a actual situación sanitaria e reforzará as medidas de prevención ehixiene.

O traxecto continuará ata a área recreativa A Fervenza onde terá lugar a parada de avituallamento campestre para o que cadaquén deberá levar a súa comida e bebida.
A programación tamén contempla xogos populares a partir das catro da tarde. De feito, haberá trofeos para as mellores parellas do Torneo de Chave. A partir das cinco retomarase a andaina ata rematar o Camiño Cultural na praza da Catedral de Mondoñedo.

Música
Un cuarteto de corda porá música á xornada a partir das oito e media do serán. O concerto, enmarcado no Festival de Música de Cámara MindoMúsica 2020, terá lugar na Catedral de Mondoñedo. As persoas interesadas en asistir deberán comunicalo previamente porque o aforo será limitado.

Inscricións
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición está aberto ata o venres 3 de xullo. As persoas interesadas poden solicitar información na Oficina de Turismo de Mondoñedo, no teléfono 982 50 71 77 ou contactando coa asociación Abrindo Camiño -organizadora das xornadas- a través do enderezo electrónico elremansoes@yahoo.es ou do teléfono 639 072 769. A cota de colaboración é de 5 euros.

Estas xornadascontan coa colaboración do Concello de Mondoñedo, a Deputación Provincial, a Área de Cultura da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Protección Civil e do proxecto tecnolóxico Mondoñedo Valley que nace en colaboración coa Universidade Rey Juan Carlos de Madrid co obxectivo de posicionar a Mondoñedo na rede.