A sexta andaina de outono de A Mariña en Ruta seguirá este sábado, 6 de novembro, por Barreiros. Esta iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña continuará todos os sábado do mes de novembro e tamén o 4 de decembro. Santo Estevo do Ermo, o Camiño do Norte, o Viveiro industrial, Portocelo en Xove ou O Vicedo serán as próximas paradas.
As persoas interesadas en gozar de A Mariña en Ruta poden atopar información e facer a reserva de prazas en https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta e para calquera consulta poden contactar a través da seguinte dirección de correo electrónico: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono +34 690 61 47 49.
O pasado sábado, 30 de setembro, tivo lugar a ruta por Riotorto Terra de ferro e soños da man de Guido Álvarez, guía oficial de Galicia, e Pedro Rolle, técnico forestal e do medio natural, que esgotaba xa dende días previos á actividade todas as prazas. Durante esta ruta os participantes puideron percorrer este territorio comezando no Mazo de Ferreiravella, cunhas pequenas pinceladas introdutorias do traballo ligado ao ferro. Logo, chegou o momento de facer a Ruta do Ferro, un sendeiro que transcorre pola beira do río homónimo. Durante o primeiro tramo, Pedro Rolle foi introducindo aos sendeiristas no bosque de ribeira, as árbores autóctonas, as plantas medicinais e a contorna natural. Ao chegar ao núcleo do Mazo, foi Guido Álvarez quen explicou mais en detalle o mundo dos ferreiros, un oficio que forma parte da identidade da Mariña Lucense e deste concello de enorme beleza.
Rutas de Artesanía
Por outra banda, estes días tivo lugar a primeira fin de semana de actividades das III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía que se desenvolveron do 29 ao 31 de outubro e discorreron pola Pontenova, Mondoñedo e Viveiro coas prazas completas e cunha bo acollida entre o público participante, procedente da propia comarca, pero tamén do resto de Galicia, Asturias e Madrid. Nesta ocasión a iniciativa está sendo destinada aos profesionais do turismo, da hostalería e do comercio da comarca, das axencias de viaxes e dos centros educativos de Galicia así coma ao público e xeral.
O venres tivo lugar a inauguración destas III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía na Pontenova, cun acto de benvida e presentación do proxecto aos participantes por parte do alcalde, Darío Campos, o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, o artesán e ferreiro local J. Rodil e a Xefa de Área Provincial de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez. Logo comezaron as xornadas cunha visita guiada polo patrimonio industrial e natural da localidade a través da Ruta dos Fornos e a visita ao ferreiro local J.Rodil. O sábado foi a quenda de Mondoñedo, cunha visita ao obradoiro de monicreques de Ton Arenas, ao Barrio dos Muíños cunha introdución ao resto de obradoiros artesáns, ao taller de lá La Botica del Abuelo e a audioguía ficcionada Mondoñedo e familia. O domingo remataba esta fin de semana coa visita a Otero Regal, ao casco histórico da cidade e á exposición permanente antesala dun museo no casco histórico de Viveiro.
Estas III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía continúan do 12 ao 14 de novembro, con algunha praza libre para a visita ao Barco Museo Reina del Carmen e ás redeiras Cabo Burela e lista de espera para a ruta dos Asteleiros Fra e Espazo Caritel.
Ambas iniciativas están organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia e co apoio da Deputación para a súa promoción.