A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense prepara un calendario de roteiros para este outono, tras o éxito acadado cos celebrados en agosto e setembro.

A Mancomunidade fai unha valoración moi positiva do programa A Mariña en Ruta, que se desenvolveu durante os meses de agosto e setembro. 327 persoas gozaron da oferta de rutas ofrecidas e amosáronse partidarios de volver repetir a experiencia e consideran que debería ter continuidade. O ente supramunicipal anunciará ao longo dos vindeiros días o calendario de roteiros programados para este outono. 

O pasado 26 de setembro remataban os roteiros programados para agosto e setembro de A Mariña en Ruta, que contaron cunha moi boa acollida. O proxecto, promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, e coordinado pola empresa de ecoturismo Maremasma, puxo en valor o rico patrimonio cultural e natural da Mariña Lucense con 21 roteiros únicos durante este atípico verán 2020 marcado polo Covid19. 

Entre as diferentes propostas os participantes nas rutas viaxaron ao pasado a través da xeoloxía entre volcáns no Vicedo, descubriron a incrible natureza da Serra  do  Xistral, coñeceron o enorme patrimonio cultural de Mondoñedo e Lourenzá, percorreron ecosistemas fluviais,  intermareais e costeiros de gran valor ecolóxico e biolóxico, entre outras moitas actividades. Andainas a pé disfrutando ao aire libre e diversificando a oferta do xeodestino en base a aspectos menos coñecidos da comarca en cada un dos municipios que a conforman: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mondoñedo, Alfoz, Valadouro, Ourol, Riotorto, A Pontenova, Trabada e Lourenzá.

Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña subliñan que “esta iniciativa desenvolvida durante os meses de agosto e setembro contou cunha alta participación, un total de 327 persoas disfrutaron de A Mariña en Ruta, cubríndose o 92% das prazas dispoñibles. Unha demanda que superou as expectativas iniciais e que demostra o gran tirón das propostas de ecoturismo como un enfoque diferenciador de disfrutar das actividades turísticas en contraposición do turismo tradicional ou de masas. Persoas de diferentes procedencias, participaron neste programa que tiña por obxectivo reactivar a actividade turística da comarca despois do duro golpe tralo brote de Covi19 no mes de xullo, puideron descubrir lugares pouco coñecidos pola gran maioría a través dun programa novidoso, diferenciador, diverso, inclusivo e adaptado a todo tipo de público que puxo en valor o patrimonio natural e cultural da Mariña Lucense”. A maioría dos participantes foron da provincia de Lugo, seguidos da Coruña, Madrid, Gipuzkoa, Ourense, Asturias, Araba, Pontevedra e Valladolid. O perfil do público foi variado, con numerosos grupos, familias con nenos, xente que veu en parella ou participantes que veñen sos atraídos pola variada oferta do proxecto. 

Diferentes axentes locais e profesionais do sector especialistas en cada área de traballo formaron un equipo de enorme calidade humana, que foi base fundamental da iniciativa. Claudia del Pino, Fran Canosa, Pedro  Rolle,  Guido Álvarez, Noela Feal e Óscar Chao mostraron os segredos menos coñecidos da comarca. As valoracións dos participantes cara os guías e axentes locais foi excelente, cunha puntuación media de 9.6 sobre 10. 

Desde a Mancomunidade indican que “do mesmo xeito, a enquisa de satisfacción realizada polas persoas que participaron en A Mariña en Ruta non deixa lugar a dúbidas: o 100% repetiría a experiencia, o 100% cre que esta iniciativa dinamiza a oferta turística, o 100% cre que debería seguir no tempo e o 100% recomendaría o roteiro realizado. Cunha valoración media da organización de 9.4 e da iniciativa no seu conxunto de 9.7 sobre 10”.

E anuncian que “visto o éxito do proxecto, co obxectivo de traballar na desestacionalización e axudar a dar a coñecer as potencialidades do xeodestino fóra dos meses de verán, dende a Mancomunidade vese oportuno ampliar a oferta de rutas durante o outono, con máis roteiros e novas propostas para incentivar un ecoturismo de calidade na zona e axudar, na medida das posibilidades, a dinamizar a comarca nestes meses difíciles para o sector. O novo programa de rutas de A Mariña en Ruta para este outono farase público próximamente na páxina web do proxecto enruta.amarinalucense.gal e a través das redes sociais de Turismo da Mancomunidade”.

Mais info:
@amarinalucense.turismo
@visitamarinalucense
@amarina_turismo