A lonxa de Burela acollerá o vindeiro xoves, 2 de maio, a presentación do proxecto 'PEQUE PEIXE', unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que ten como obxectivo formar aos nenos de 3 a 15 anos na terminoloxía mariñeira e pesqueira en galego.
No acto, que terá lugar na lonxa de ABSA en Burela, participarán 132 nenos de 7 e 8 anos de varios colexios públicos da comarca: CEIP Virxe do Carme de Burela, CEIP Fondo Nois (Foz) e CEIP Península da Paz de San Cibrao.
O evento conta coa colaboración de Armadores de Burela (ABSA), a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-7) e a propia Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do seu Secretario Xeral, Valentín García.
Para este proxecto desenvolvéronse 6 unidades didácticas adaptadas a cada grupo de idades para dar a coñecer aos nenos e nenas aspectos como as profesións mariñeiras, as artes de pesca, a bioloxía do mar ou os tipos de peixes. Este traballo foi realizado pola consultora galega especializada en pesca, Sinerxia Plus.
Ademais da presentación destas unidades didácticas, o acto contará coa presenza dos “Bolechas”, que serán os guías dos nenos na súa visita á lonxa para coñecer o seu funcionamento e as especies que comercializan.
A xornada rematará cun Show Cooking a cargo da finalista do programa televisivo Master Chef Junior, Ana Oca, que ensinará aos nenos e nenas varios segredos sobre cómo preparar o peixe e por que é bó e necesario incluílo nunha dieta saudable.