A IX Foliada Nordestía celebrarase o 12 de abril en San Cibrao (Cervo)

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa asociación A Rebolaxe na organización da Foliada Nordestía, que se celebrará o 12 de abril en San Cibrao, no concello de Cervo. O deputado de Mocidade, Daniel García, participou na presentación do programa deste encontro de música tradicional, que contará cos concertos de Tumba e Dálle, Xisco Feijóo e A Requinta da Laxeira na Praza dos Campos.

Daniel García  valorou “o traballo de A Rebolaxe na conservación e na difusión da música tradicional coa organización desta foliada, pero tamén ao longo de todo o ano como agrupación musical e como promotora de aulas de música tradicional. Se podemos disfrutar desta xornada de Foliada,e polo traballo continúo e de base que mantén vivo o interese por ese patrimonio”.

A xornada comezará cos Cantos de Taberna, no que participan colectivos da comarca da Mariña, da provincia de Lugo e tamén de concellos coruñeses e que animarán os locais e rúas de San Cibrao desde ás 12 da mañá  ata o xantar popular. Tamén haberá un obradoiro de construción de instrumentos musicais con Xaneco Tubío. 

A cita conta coa colaboración do Concello de Cervo e a alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo darlle os parabéns unha vez máis ao Grupo A Rebolaxe pola organización da Foliada, “un evento que edición tras edición se foi convertendo nun referente cultural no noso concello e en toda a bisbarra como ponte que une tradición e identidade”. Xa que o noso folclore non é só música e baile e historia viva “por iso festivais como este son esenciais para recordarnos as nosas raíces, quen somos e de onde vimos; e que a cultura tradicional non é algo estático, senón que evoluciona e se reinventa grazas ao traballo de agrupacións como A Rebolaxe”.

Desde o Concello de Cervo convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a "gozar dunha xornada única na que a música, o baile e a diversión estarán garantidos".