Teatro, música e actividades para os máis pequenos conforman a programación da Concellaría de Cultura para o último trimestre deste ano. Farruco Graña anunciou hoxe na súa presentación que tamén se celebrará a I Feira Feminista de Outono, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade.
O edil nacionalista salientou que “da programación infantil queremos destacar que toda ela se inclúe no programa Apego ao que se uniu o Concello de Ribadeo. Trátase do programa de difusión e dignificación da lingua galega, que este ano acaba de ser premiado pola Xunta de Galicia cos Premios da Cultura Galega. Integradas neste programa temos unha serie de actividades e Redrum Producciones vai achegarse ata Ribadeo para representar A nena que quería ver navegar. Paco Nogueiras con toda a súa marcha tamén se achegará ata Ribadeo coa súa Brinca vai. De aquí a acolá para que nenos e nenas, país e nais poidamos gozar da boa música infantil de sempre. Celebraremos o Samaín cos nenos e nenas, e tamén estarán Matriuska Teatro, Os Ghazafellos, Pista Catro e Educa Teatro. Todas estas actividades para nenos e nenas ao longo deste trimestre, unhas serán no auditorio Hernán Naval e algunhas na biblioteca El Viejo Pancho”.
O concelleiro de Cultura declarou que “no que se refire ao teatro é xa un clásico de sempre no outono ribadense a Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará os días 6, 7 e 8 de outubro. Estamos pendentes da confirmación dun par de compañías de teatro afeccionado polo que no seu momento xa daremos a debida publicidade de qué compañías se van a achegar ata Ribadeo nesta mostra, que como sempre será no Teatro”.
Farruco Graña engadiu que “dentro do programa Buxiganga tamén nos visitarán Lume Escénico, que é un grupo de teatro de A Pontenova e vai representar A horta das cerdeiras o 15 de outubro, e A Adala, o grupo de teatro de Fazouro, vai representar O que hai que ver ao volver. Tamén vai achegarse ata Ribadeo Produccións Teatrais Excéntricas, Mofa e Befa vólvenos visitar e van representar Craneos privilexiados o 22 de outubro. Ademais Thalía Teatro vai representar un clásico xa do teatro galego, Foucellas, o 12 de novembro. O teatro nunhas ocasións é no auditorio e noutras no Teatro, en cada caso xa se irá publicitando”.
O concelleiro de Cultura contou que “a Coral Polifónica de Ribadeo vai facer o seu concerto de Santa Cilla no Teatro o día 18 de novembro, e a Banda de Música Municipal de Ribadeo tamén nos vai ofertar o seu concerto de Santa Cilla no Teatro o 25 de novembro. En decembro teremos o día 23 o clásico Festival de Panxoliñas, e o concerto Aquí como en Viena a cargo da Banda de Música Municipal de Ribadeo será o 30 de decembro”.
O edil ribadense anunciou que “está en fase de preparación a primeira Feira Feminista de Outono que vai ter lugar o último fin de semana de outubro, o sábado 28. Vai ser na praza 8 de Marzo ao carón do Teatro. É unha aposta distinta que leva a cabo o Observatorio da Mariña pola Igualdade e coa que gustosamente vai colaborar o Concello de Ribadeo para a defensa da muller para lograr un entorno cada vez máis xusto e igualitario entre homes e mulleres. Vai consistir en actuacións musicais, unha feira de exposicións e tamén haberá algún recital, pero todo isto xa se publicitará cando xa estea todo ben concretado”.
Tamén haberá cine ao longo deste meses con Proxecto R, que organiza Doce do Patíbulo.